Lúa Mosquetera 🔗 Bala
Data e hora:
Venres 16 de Setembro
23:00h
Ubicación:
Filomatic
Rúa San José, 21, 15002 A Coruña
LÚA MOSQUETERA
Activista da palabra armada e creadora do reguetón feminista, entre moitas outras cousas, Lúa Mosquetera é unha poeta de Miño afeita a facer dos seus recitais en vivo o pretexto ideal para que o seu verbo se volva salvaxe e perigoso. Desta necesidade natural por facerse expresar, xorde un cuadrilátero poético sen medias tintas. Cara a cara no que o espectador sucumbe a brutais estoupidos de intensidade a queimarroupa, sentimentos pasionais que traspasan a súa proximidade ao noso día a día. Do seu poemario, tecido en cadencia libre, establécese a conexión directa con cada un dos mecanismos de comportamento que nos arrodean continuamente, e que Lúa axita nas súas intensas liñas tortas. Ou, como ela di: “Un poema é unha fotografía dun sentimento que, levado ao papel, dura para sempre”.
BALA
Para o recital que Lúa vai ofrecer en Tándem, Bala encargarase de acompañar os seus poemas entre explosións eléctricas, tan característicos da súa fórmula stoner punk. Os mesmos que formulan mediante a intensidade volcánica das súas cancións, onde tamén hai paralelismos con Team Dresch ou Bikini Kill. Referencias á gran revolta Riot GRRRL que tivo lugar a principios dos noventa e que, por contacto directo ou onda expansiva, influíu na personalidade musical das cortes que forman parte de “Maleza”, o seu máis recente álbum, cuxa saída tivo que ser adiada ata en seis ocasións por mor da situación xerada polo Covid-19. A pesares dos inconvenientes, o seu novo LP é unha demostración do poder que Anxela e Violeta son quen de trasladar aos seus demoledores directos.