Sofia 🔗 Viuda
Data e hora:
Domingo 18 de Setembro
13:00h
Ubicación:
Mardi Gras
Tr.ª Torre, 8, 15002 A Coruña
SOFIA
Despois de presentarse en solitario con singles tan rotundos como “Decir adios” e “El cielo blanco”, esta artista mallorquina abre a portela da súa inspiración para Tándem, onde poderemos asistir ao seu brillante crisol de formulacións sónicas. Da pulsión kraut á dormente dream-pop, polo seu tobogán de referencias podemos aledarnos cos patróns synthpop 81’, as matemáticas Isao Tomita e un absurdo lírico que transpira misterio e costumismo surrealista. Maxia slow-pop que acaba por rubricar a unicidade dun proxecto composto de cancións minimalistas e oníricas, tamén irónicas e ás veces crúas; cápsulas de xel que, ao mordelas, nos transportan a paisaxes caseiras e á vez alucinóxenas. Amor e rabia sarcásticos e inocentes mesturados con motivos medievais e mediterráneos. Sofia é a combinación de loops sinxelos cunha voz suave e tímida que, deseguido, se fortalece coa súa multiplicación progresiva en harmonías baixo un fraseo contundente. Subxacen a estes elementos distorsións e ambientes acompañados de rítmicas medias e rápidas de baixa fidelidade.
VIUDA
Cunha inspiración case demoníaca, catro asturianas xuntaron o seu talento e bruxería para dar a coñecer Viuda. Baixo dita motivación, acompañarán sobre as táboas a Sofía. Inspiradas pola escuridade after punk e a copla, hibridan furia e puro veleno para corromper todas as almas puras que se presten á cerimonia. As letras pasan perfectamente por esconxuros e feitizos baseados na rabia e a perversión. A forza e a maxia deste cuarteto asturiano nunca pasa desapercibida. A golpe de castañolas, e coma se dun paso de Semana Santa se tratase, os seus directos son pura provocación, todo un ritual satánico á altura da maxia negra do máis alto nivel, acompañado dunha enerxía e unha intensidade guitarreira impredicible. Sen ningunha dúbida, a música que quererías para o teu enterro.